martes, 16 de diciembre de 2025

OBRADOIRO: POSTAIS DE NADAL CON LUCES

 

Durante estes días previos ao Nadal realizouse un obradoiro moi especial de creación de postais de Nadal con luces. A actividade resultou todo un éxito e encheu o espazo de creatividade, ilusión e moita curiosidade.

Para a realización deste obradoiro contamos coa presenza de Almudena, que guiou ao alumnado paso a paso na elaboración das postais luminosas. Grazas ás súas explicacións e á súa axuda, os nenos e nenas puideron coñecer dun xeito sinxelo e práctico como integrar pequenas luces nas súas creacións, combinando a expresión artística cun primeiro achegamento á tecnoloxía.

Cada participante elaborou unha postal única, chea de cor e espírito nadalicio, que poderá ser empregada para felicitar estas festas dun xeito orixinal e feito a man. A actividade favoreceu o traballo manual, a creatividade e a aprendizaxe a través da experimentación.

Desde o centro queremos agradecer a Almudena a súa colaboración e a todo o alumnado a súa participación e entusiasmo. Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que deixou unha fermosa lembranza destas datas tan especiais.




TALLER MONOGRÁFICO: CREA O TEU MARCAPÁXINAS DE NADAL

 O pasado xoves, durante o tempo de recreo, a biblioteca do centro converteuse nun espazo creativo e cheo de ilusión grazas ao taller de elaboración de marcapáxinas de Nadal. 

Ao longo do taller, os nenos e nenas puideron realizar e decorar os seus propios marcapáxinas dunha árbores de Nadal empregando diferentes materiais: papeis de cores, rotuladores, adhesivos e motivos típicos destas datas tan especiais. Cada creación foi única, reflectindo a creatividade e a personalidade de quen a elaborou.

Esta iniciativa,  permitiu compartir un tempo lúdico e tranquilo no recreo, promovendo o uso da biblioteca como un lugar de encontro, aprendizaxe e diversión. Os marcapáxinas realizados poderán acompañar as lecturas de Nadal ou converterse nun bonito agasallo feito a man.

Desde a biblioteca queremos agradecer a participación do alumnado e animarvos a seguir formando parte das actividades que se irán desenvolvendo ao longo do curso. Agardámosvos na biblio!









miércoles, 10 de diciembre de 2025

Xornadas de contos de Nadal

 

Esta semana na biblioteca do centro demos inicio a unhas xornadas moi especiais: as familias do alumnado de Educación Infantil comezaron a vir contarnos contos de Nadal. Un espazo de encontro, de emoción e de descubrimentos que encheu a biblio de voces, sorrisos e ilusión.

O primeiro conto escollido para inaugurar esta actividade foi Óscar cómese o Nadal, unha historia divertida e entrañable que fixo as delicias dos máis pequenos. Grazas á participación da primeira familia, o relato cobrou vida entre risas, sorpresa e moita maxia festiva.

Dende a biblioteca así como dende o equipo de educación infantil, queremos agradecer a colaboración das familias, pola súa dispoñibilidade, entusiasmo e por compartir connosco un anaco do seu tempo para fomentar o gusto pola lectura. Estes momentos son os que fan comunidade e axudan a crear recordos para sempre.

Seguiremos gozando de máis contos e máis visitas nos próximos días…


A biblio xa arrecende a Nadal!

Saída cultura ao Cee: cinema para aprender e desfrutar

 

Onte o alumnado do noso centro participou nunha saída a Cee. O obxectivo da mesma foi achegar o cine como ferramenta de aprendizaxe, reflexión e diversión.

A xornada comezou cunha visita ao cinema local, onde puidemos gozar de dúas estreas moi esperadas:

-  Zootrópolis 2
Unha aventura chea de humor, ritmo e valores como a convivencia, a diversidade e o traballo en equipo. 

- Wicked 2
Un espectáculo visual e musical no que nos mergullamos nun mundo fantástico, que invita a pensar sobre a amizade, as decisións persoais e o que significa ser diferente.

A actividade foi todo un éxito, cun ambiente de entusiasmo e moita curiosidade. Seguiremos promovendo propostas que fomenten o gusto pola lectura, pola cultura e polas artes.




viernes, 5 de diciembre de 2025

CAMPAÑA SOLIDARIA DE ALIMENTOS

A biblioteca do noso centro súmase á iniciativa solidaria de recollida de alimentos, colaborando cos Servizos Sociais do Concello para axudar ás familias que máis o necesitan.

Durante estas semanas, convidámoste a participar achegando alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes, leite, aceite, conservas…). Cada pequeno xesto suma, e entre todas e todos podemos facer unha gran diferenza.

Por cada doazón que traias
, agardarate un libro de agasallo. Un libro para ti, porque compartir tamén é unha maneira de medrar.

A campaña estará activa ata o 18 de decembro.

Moitas grazas pola vosa colaboración!


miércoles, 26 de noviembre de 2025

25 de novembro: Unha xornada contra a violencia de xénero na nosa biblioteca

 

O pasado 25 de novembro, o noso centro sumouse un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data clave para reflexionar, educar e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A xornada estivo marcada por dúas actividades moi significativas. En primeiro lugar, tivemos o pracer de acoller na biblioteca a representación teatral “A pita xefa”, unha obra que mestura humor e reflexión para visibilizar situacións cotiás de desigualdade. A actividade foi organizada polo Concello de Santa Comba, ao que agradecemos a súa colaboración e compromiso coa educación en igualdade.




Paralelamente, todo o alumnado do centro participou na creación do Muro do Bo Trato, un espazo colectivo onde cada neno e nena colocou o seu “ladrillo”: unha palabra ou mensaxe que representa os valores do respecto, da empatía e da convivencia positiva. O resultado foi unha obra simbólica e chea de cor, que permanecerá exposta como recordo do compromiso de toda a comunidade educativa.




 

Para continuar fomentando a reflexión desde a lectura, deixamos tamén unha pequena selección que temos na estantería temática de recomendacións lectoras sobre igualdade e bo trato.

 


 

Educar en igualdade é construír un futuro mellor. 

martes, 4 de noviembre de 2025

Samaín!

 O pasado xoves celebramos o Samaín con moita ilusión e creatividade! Foi unha xornada moi especial na que o noso centro se encheu de cores, risas… e tamén dun pouquiño de medo.

Durante a mañá, o alumnado participou en obradoiros internivel, onde cada grupo puido experimentar e aprender de forma divertida. Houbo manualidades terroríficas, receitas arrepiantes, danza embruxada e un espazo de maquillaxe de medo no que apareceron pantasmas, bruxas e monstros de todos os estilos.

Ao rematar os obradoiros, celebramos a entrega de premios dos concursos de cabazas decoradas e de relatos e debuxos de medo. A creatividade e o talento do noso alumnado fixeron moi difícil a elección das gañadoras e gañadores.

Todos estes traballos poden verse agora na biblioteca escolar, onde prepararmos un mural especial titulado “Sementando o medo”. Alí quedan expostos os nosos contos e debuxos para que toda a comunidade educativa poida gozar coas creacións deste Samaín.

Unha vez máis, o Samaín demostrou ser unha ocasión perfecta para compartir, aprender e divertirnos arredor das tradicións e da imaxinación.


Grazas a todas e todos pola vosa participación e entusiasmo!