domingo, 24 de abril de 2022

Día Internacional do Libro

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro,  decidimos celebrar a quincena do libro con tres actividades moi especiais. Esta quincena do libro iniciouse o martes 19 de abril e estará vixente ata o martes 3 de maio.

As actividades ás que estamos a dar forma son as seguintes: 
  • Publicación dun poemario, recollendo todas as achegas poéticas do alumnado de Primaria.
  • Publicación dun libro de contos, que gardan relación co tema central deste ano: "Emigrando con Fuco", onde poderemos descubrir que cada historia garda unha viaxe.
Ambos os libros estarán dispoñibles en préstamo na nosa biblioteca, dando a posibilidade de coñecer as composicións escritas doutros compañeiros/-as.
  • Doutra banda, tamén estamos a montar un mural que leva por título: "Viaxe ao mundo en 80 libros",  conformado por varias maletas coa selección de libros que o alumnado levaría para gozar dunhas boas lecturas vacacionais.
Proximamente presentaremos as imaxes das actividades citadas.

"Ponlle as pilas ao teu bocata"

Este mércores (20 de abril do 2022), puidemos gozar do programa "Ponlle as pilas ao teu bocata" da Consellería de Medio Rural e do Mar, coa colaboración da Consellería de Educación. Programa enmarcado dentro do Plan  Proxecta para o fomento dunha alimentación saudable entre a poboación máis nova.


Está iniciativa busca introducir hábitos de vida saudable na escola de forma transversal  e dun modo ameno e didáctico.


Todo o alumnado de Infantil e Primaria recibiu un receitario para a elaboración de bocadillos a base de conservas.


Todos os nenos e nenas tiveron un achegamento ás virtudes das conservas de produtos do mar e puideron ampliar os seus coñecementos acerca das conservas e de todas as posibilidades que ofrecen.






















martes, 19 de abril de 2022

Biblioteca creativa - Formación en Scratch e Makey Makey.

A finais do segundo trimestre, contamos coa compañía de Paola  Guimerans, que nos formou na contorna de programación  Scratch e na placa electrónica  Makey -  Makey.

O alumnado de terceiro, cuarto e quinto gozou das dinámicas da relatora, que os achegou ao mundo do pensamento  computacional, facéndolles ver como a tecnoloxía non é tan complexa e pode ser utilizada de forma creativa,  chegando a  convirtir uns  osiños de  gominola nun piano.