martes, 16 de diciembre de 2025

OBRADOIRO: POSTAIS DE NADAL CON LUCES

 

Durante estes días previos ao Nadal realizouse un obradoiro moi especial de creación de postais de Nadal con luces. A actividade resultou todo un éxito e encheu o espazo de creatividade, ilusión e moita curiosidade.

Para a realización deste obradoiro contamos coa presenza de Almudena, que guiou ao alumnado paso a paso na elaboración das postais luminosas. Grazas ás súas explicacións e á súa axuda, os nenos e nenas puideron coñecer dun xeito sinxelo e práctico como integrar pequenas luces nas súas creacións, combinando a expresión artística cun primeiro achegamento á tecnoloxía.

Cada participante elaborou unha postal única, chea de cor e espírito nadalicio, que poderá ser empregada para felicitar estas festas dun xeito orixinal e feito a man. A actividade favoreceu o traballo manual, a creatividade e a aprendizaxe a través da experimentación.

Desde o centro queremos agradecer a Almudena a súa colaboración e a todo o alumnado a súa participación e entusiasmo. Sen dúbida, foi unha experiencia moi enriquecedora que deixou unha fermosa lembranza destas datas tan especiais.




TALLER MONOGRÁFICO: CREA O TEU MARCAPÁXINAS DE NADAL

 O pasado xoves, durante o tempo de recreo, a biblioteca do centro converteuse nun espazo creativo e cheo de ilusión grazas ao taller de elaboración de marcapáxinas de Nadal. 

Ao longo do taller, os nenos e nenas puideron realizar e decorar os seus propios marcapáxinas dunha árbores de Nadal empregando diferentes materiais: papeis de cores, rotuladores, adhesivos e motivos típicos destas datas tan especiais. Cada creación foi única, reflectindo a creatividade e a personalidade de quen a elaborou.

Esta iniciativa,  permitiu compartir un tempo lúdico e tranquilo no recreo, promovendo o uso da biblioteca como un lugar de encontro, aprendizaxe e diversión. Os marcapáxinas realizados poderán acompañar as lecturas de Nadal ou converterse nun bonito agasallo feito a man.

Desde a biblioteca queremos agradecer a participación do alumnado e animarvos a seguir formando parte das actividades que se irán desenvolvendo ao longo do curso. Agardámosvos na biblio!









miércoles, 10 de diciembre de 2025

Xornadas de contos de Nadal

 

Esta semana na biblioteca do centro demos inicio a unhas xornadas moi especiais: as familias do alumnado de Educación Infantil comezaron a vir contarnos contos de Nadal. Un espazo de encontro, de emoción e de descubrimentos que encheu a biblio de voces, sorrisos e ilusión.

O primeiro conto escollido para inaugurar esta actividade foi Óscar cómese o Nadal, unha historia divertida e entrañable que fixo as delicias dos máis pequenos. Grazas á participación da primeira familia, o relato cobrou vida entre risas, sorpresa e moita maxia festiva.

Dende a biblioteca así como dende o equipo de educación infantil, queremos agradecer a colaboración das familias, pola súa dispoñibilidade, entusiasmo e por compartir connosco un anaco do seu tempo para fomentar o gusto pola lectura. Estes momentos son os que fan comunidade e axudan a crear recordos para sempre.

Seguiremos gozando de máis contos e máis visitas nos próximos días…


A biblio xa arrecende a Nadal!

Saída cultura ao Cee: cinema para aprender e desfrutar

 

Onte o alumnado do noso centro participou nunha saída a Cee. O obxectivo da mesma foi achegar o cine como ferramenta de aprendizaxe, reflexión e diversión.

A xornada comezou cunha visita ao cinema local, onde puidemos gozar de dúas estreas moi esperadas:

-  Zootrópolis 2
Unha aventura chea de humor, ritmo e valores como a convivencia, a diversidade e o traballo en equipo. 

- Wicked 2
Un espectáculo visual e musical no que nos mergullamos nun mundo fantástico, que invita a pensar sobre a amizade, as decisións persoais e o que significa ser diferente.

A actividade foi todo un éxito, cun ambiente de entusiasmo e moita curiosidade. Seguiremos promovendo propostas que fomenten o gusto pola lectura, pola cultura e polas artes.




viernes, 5 de diciembre de 2025

CAMPAÑA SOLIDARIA DE ALIMENTOS

A biblioteca do noso centro súmase á iniciativa solidaria de recollida de alimentos, colaborando cos Servizos Sociais do Concello para axudar ás familias que máis o necesitan.

Durante estas semanas, convidámoste a participar achegando alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes, leite, aceite, conservas…). Cada pequeno xesto suma, e entre todas e todos podemos facer unha gran diferenza.

Por cada doazón que traias
, agardarate un libro de agasallo. Un libro para ti, porque compartir tamén é unha maneira de medrar.

A campaña estará activa ata o 18 de decembro.

Moitas grazas pola vosa colaboración!


miércoles, 26 de noviembre de 2025

25 de novembro: Unha xornada contra a violencia de xénero na nosa biblioteca

 

O pasado 25 de novembro, o noso centro sumouse un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data clave para reflexionar, educar e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A xornada estivo marcada por dúas actividades moi significativas. En primeiro lugar, tivemos o pracer de acoller na biblioteca a representación teatral “A pita xefa”, unha obra que mestura humor e reflexión para visibilizar situacións cotiás de desigualdade. A actividade foi organizada polo Concello de Santa Comba, ao que agradecemos a súa colaboración e compromiso coa educación en igualdade.




Paralelamente, todo o alumnado do centro participou na creación do Muro do Bo Trato, un espazo colectivo onde cada neno e nena colocou o seu “ladrillo”: unha palabra ou mensaxe que representa os valores do respecto, da empatía e da convivencia positiva. O resultado foi unha obra simbólica e chea de cor, que permanecerá exposta como recordo do compromiso de toda a comunidade educativa.




 

Para continuar fomentando a reflexión desde a lectura, deixamos tamén unha pequena selección que temos na estantería temática de recomendacións lectoras sobre igualdade e bo trato.

 


 

Educar en igualdade é construír un futuro mellor. 

martes, 4 de noviembre de 2025

Samaín!

 O pasado xoves celebramos o Samaín con moita ilusión e creatividade! Foi unha xornada moi especial na que o noso centro se encheu de cores, risas… e tamén dun pouquiño de medo.

Durante a mañá, o alumnado participou en obradoiros internivel, onde cada grupo puido experimentar e aprender de forma divertida. Houbo manualidades terroríficas, receitas arrepiantes, danza embruxada e un espazo de maquillaxe de medo no que apareceron pantasmas, bruxas e monstros de todos os estilos.

Ao rematar os obradoiros, celebramos a entrega de premios dos concursos de cabazas decoradas e de relatos e debuxos de medo. A creatividade e o talento do noso alumnado fixeron moi difícil a elección das gañadoras e gañadores.

Todos estes traballos poden verse agora na biblioteca escolar, onde prepararmos un mural especial titulado “Sementando o medo”. Alí quedan expostos os nosos contos e debuxos para que toda a comunidade educativa poida gozar coas creacións deste Samaín.

Unha vez máis, o Samaín demostrou ser unha ocasión perfecta para compartir, aprender e divertirnos arredor das tradicións e da imaxinación.


Grazas a todas e todos pola vosa participación e entusiasmo!





lunes, 27 de octubre de 2025

Día das Bibliotecas 2025: Inauguración da nosa Biblioteca Escolar e Magosto!

 Este curso 2025-2026 arrancamos coa posta en marcha do noso novo proxecto anual: PepeXANTA, unha iniciativa que combina a alimentación saudable, a cultura gastronómica e o pracer de aprender compartindo experiencias arredor da cociña e dos alimentos. Ao longo do ano, o alumnado descubrirá receitas, costumes e tradicións que nos axudan a coñecer mellor a nosa cultura e a coidar de nós mesmos a través dunha dieta equilibrada.

E que mellor maneira de comezar este proxecto ca coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas, o pasado 24 de outubro. Un día dobremente especial, pois tamén inauguramos oficialmente a nosa Biblioteca Escolar neste novo curso.

Para festexar a ocasión, organizamos un Magosto moi saboroso e divertido, no que toda a comunidade educativa —alumnado, profesorado, familias e persoal non docente— participou con moita ilusión.

Esta actividade partiu do primeiro reto proposto pola biblioteca, a realización de dúas receitas de outono, na que ademáis da cociña, previamente se traballaron contidos das áreas de lengua, lingua, matemáticas ou inglés. 

O momento estrela da xornada foi un showcooking de arroces de outono, dirixido polo noso director e enmarcado dentro do proxecto PepeXANTA. Contou coa colaboración do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, que se puxo o mandil para preparar uns arroces deliciosos con ingredientes típicos da estación, como a cabazacastañas, figos, zorza ou cogumelos variados.

Por suposto, tamén asamos castañas, que puidemos degustar todos e todas mentres o arrecendo a outono enchía o patio da escola.

A festa rematou coa actuación de Alberto Show, do grupo Alborada, que puxo música, humor e moito ritmo a unha mañá inesquecible.

Foi unha celebración chea de sabor, aprendizaxe e convivencia, na que lembramos que as bibliotecas son espazos vivos, onde se cociñan ideas, proxectos e soños compartidos.

Pasámolo pipa!

 




 

miércoles, 18 de junio de 2025

FESTA FIN DE PROXECTO: ÑAM, ÑAM!

Este pasado mércores puxémonos mans á obra para pechar o proxecto Ñam! cun enorme reto para todo o centro. Cada aula tiña unha labor, uns cociñar receitas e outros poñer a mesa. Traballamos todos xuntos e cun mesmo obxectivo, conseguir sacar todas as receitas e poder desfrutar da festa final. 

As receitas quedaron espectaculares, propias duns Chefs con estrela Michelín e non deixaron nin as migallas. Tiñamos batidos de froitas, cocas, bocadiños de polo, brochetas de froita, guacamole con pauciños de pan e empanadillas.

Temos que agradecer a axuda das nosas Super cociñeiras Lupe e Carmen que botaron unha man para que todo estivese perfecto.





RETO PARA INFANTIL: BOCADILLO DE POLO

Os nenos e nenas do 2º ciclo de Educación Primaria deseñaron unha receita que lle tocou elaborar aos máis pequenos do centro para a festa de fin do proxecto Ñam! Tocounos o bocadillo de Polo. Unha receita sinxela pero con algo de complexidade á hora de montala.

Antes de poñernos a realizala, repasamos os ingredentes expostos na receita e o seu modo de elaboración. Logo fixemos equipos e puxémonos a preparar os alimentos para poder engadilos ao bocadillo.


RETO PARA INFANTIL: DECORAR AS MESAS

O Mago Fuco pediunos que para a festa de Fin de proxecto Ñam! nos fixésemos cargo das mesas e a decoración. Polo que comezamos a investigar como se poñen as mesas e que toque especial lle podemos dar para a festa final. Ao remate decidimos decorar os manteis cos alimentos que estivemos vendo e utilizando nas nosas receitas durante o curso. A maiores decidimos darlle un toque festivo poñéndolle confeti de moitas cores.



lunes, 16 de junio de 2025

3ª FASE: PODCAST COA HISTORIA DAS NOSAS PERSONAXES

Despois de preparar a escenografía para as personaxes, toca contar a súa historia. Para iso, os nenos e nenas do 1º ciclo de Educación Primaria fixeron un podcast contando o que lle acontece a cada unha das personaxes creadas.





miércoles, 28 de mayo de 2025

2ª FASE: DESEÑO DUNHA ESCENOGRAFÍA - BIBLIOTECAS CREATIVAS

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria está levando a cabo o deseño da escenografía para as personaxes que crearon a partir do conto "É tempo de Entroido". Para iso contaron co estupendo asesoramento de Patricia Gestoso, que a maiores de axudarnos a montar o taller creativo, tamén asesorou aos nosos nenos e nenas de como deseñar unha axeitada escenografía. 



martes, 27 de mayo de 2025

TALLER DE BIBLIOTECAS CREATIVAS

Esta semana tivemos a honra de que contar coa experiencia e profesionalidade de Patricia Gestoso Abraín,
que nos montou un taller con propostas sobre a alimentación. O principal obxecto era dinamizar o noso PDI dentro do programa de Bibliotecas Creativas. 
Grazas a iso, hoxe os nosos pequenos e pequenas puideron desfrutar deste taller, desenvolvendo a súa creatividade e estimulando a súa capacidade sensorial.
Grazas Patricia polo teu magnífico traballo e adicación!




lunes, 19 de mayo de 2025

AS LETRAS GALEGAS 2025

 Neste 2025 o día das Letras Galegas estivo adicado as pandeireteiras e cantareiras galegas que nos acompañaron e acompañan nas foliadas, seráns e festas da nosa terra.

Desde o colexio quixemos facer unha pequena homenaxe a tódalas cantareiras galegas pero tamén ás de Santa Comba, en especial a María Mourelle que nos acompañou neste día tan sinalado. Foi unha grande honra contar con ela e poder escoitar a súa música e cantiga popular, sen esquecernos das nosas pequenas pandeireteiras que nos deleitaron cunhas fermosas pandeiretadas.

Feliz día das Letras Galegas 2025!




miércoles, 14 de mayo de 2025

1ª FASE : DÁNDOLLE VIDA ÁS NOSAS PERSONAXES - BIBLIOTECAS CREATIVAS

Os nenos e nenas do 1º ciclo de Educación Primaria estamos metidos de cheo nun proxecto moi interesante, que partiu do traballo das personaxes de entroido e dunha secuencia de texto poético do libro “É tempo de entroido”. Co tempo a creación das nosas personaxes foi evolucionando, traballamos os adxectivos, creamos a súa personalidade inventando a historia da súa vida e unha vez adquirida a rutina de prensamento, elaboramos a secuencia do texto descriptivo. Logo gravamos no Scratch e conectamos as personaxes ao Makey Makey.
O noso seguinte paso vai ser elaborar a escenografía, para iso necesitaremos a colaboración dunha grande especialista nesta área Patricia Gestoso que nos virá asesorar sobre como realizar esta tarefa.