miércoles, 26 de noviembre de 2025

25 de novembro: Unha xornada contra a violencia de xénero na nosa biblioteca

 

O pasado 25 de novembro, o noso centro sumouse un ano máis á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data clave para reflexionar, educar e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A xornada estivo marcada por dúas actividades moi significativas. En primeiro lugar, tivemos o pracer de acoller na biblioteca a representación teatral “A pita xefa”, unha obra que mestura humor e reflexión para visibilizar situacións cotiás de desigualdade. A actividade foi organizada polo Concello de Santa Comba, ao que agradecemos a súa colaboración e compromiso coa educación en igualdade.




Paralelamente, todo o alumnado do centro participou na creación do Muro do Bo Trato, un espazo colectivo onde cada neno e nena colocou o seu “ladrillo”: unha palabra ou mensaxe que representa os valores do respecto, da empatía e da convivencia positiva. O resultado foi unha obra simbólica e chea de cor, que permanecerá exposta como recordo do compromiso de toda a comunidade educativa.




 

Para continuar fomentando a reflexión desde a lectura, deixamos tamén unha pequena selección que temos na estantería temática de recomendacións lectoras sobre igualdade e bo trato.

 


 

Educar en igualdade é construír un futuro mellor. 

martes, 4 de noviembre de 2025

Samaín!

 O pasado xoves celebramos o Samaín con moita ilusión e creatividade! Foi unha xornada moi especial na que o noso centro se encheu de cores, risas… e tamén dun pouquiño de medo.

Durante a mañá, o alumnado participou en obradoiros internivel, onde cada grupo puido experimentar e aprender de forma divertida. Houbo manualidades terroríficas, receitas arrepiantes, danza embruxada e un espazo de maquillaxe de medo no que apareceron pantasmas, bruxas e monstros de todos os estilos.

Ao rematar os obradoiros, celebramos a entrega de premios dos concursos de cabazas decoradas e de relatos e debuxos de medo. A creatividade e o talento do noso alumnado fixeron moi difícil a elección das gañadoras e gañadores.

Todos estes traballos poden verse agora na biblioteca escolar, onde prepararmos un mural especial titulado “Sementando o medo”. Alí quedan expostos os nosos contos e debuxos para que toda a comunidade educativa poida gozar coas creacións deste Samaín.

Unha vez máis, o Samaín demostrou ser unha ocasión perfecta para compartir, aprender e divertirnos arredor das tradicións e da imaxinación.


Grazas a todas e todos pola vosa participación e entusiasmo!