Este curso 2025-2026 arrancamos coa posta en marcha do noso novo proxecto anual: PepeXANTA, unha iniciativa que combina a alimentación saudable, a cultura gastronómica e o pracer de aprender compartindo experiencias arredor da cociña e dos alimentos. Ao longo do ano, o alumnado descubrirá receitas, costumes e tradicións que nos axudan a coñecer mellor a nosa cultura e a coidar de nós mesmos a través dunha dieta equilibrada.
E que mellor maneira de comezar este proxecto ca coincidindo coa celebración do Día das Bibliotecas, o pasado 24 de outubro. Un día dobremente especial, pois tamén inauguramos oficialmente a nosa Biblioteca Escolar neste novo curso.
Para festexar a ocasión, organizamos un Magosto moi saboroso e divertido, no que toda a comunidade educativa —alumnado, profesorado, familias e persoal non docente— participou con moita ilusión.
Esta actividade partiu do primeiro reto proposto pola biblioteca, a realización de dúas receitas de outono, na que ademáis da cociña, previamente se traballaron contidos das áreas de lengua, lingua, matemáticas ou inglés.
O momento estrela da xornada foi un showcooking de arroces de outono, dirixido polo noso director e enmarcado dentro do proxecto PepeXANTA. Contou coa colaboración do alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, que se puxo o mandil para preparar uns arroces deliciosos con ingredientes típicos da estación, como a cabaza, castañas, figos, zorza ou cogumelos variados.
Por suposto, tamén asamos castañas, que puidemos degustar todos e todas mentres o arrecendo a outono enchía o patio da escola.
A festa rematou coa actuación de Alberto Show, do grupo Alborada, que puxo música, humor e moito ritmo a unha mañá inesquecible.
Foi unha celebración chea de sabor, aprendizaxe e convivencia, na que lembramos que as bibliotecas son espazos vivos, onde se cociñan ideas, proxectos e soños compartidos.
Pasámolo pipa!
No hay comentarios:
Publicar un comentario