martes, 19 de mayo de 2026

LETRAS GALEGAS

 No noso centro celebramos con grande ilusión o Día das Letras Galegas cunha xornada moi especial adicada á figura de Begoña Caamaño, na que participou toda a comunidade educativa.

Comezamos cun fermoso contacontos arredor da vida e da obra da autora, aberto a todo o alumnado, ás familias e á comunidade educativa, grazas á colaboración do Concello de Santa Comba e da Deputación da Coruña, aos que queremos agradecer o seu apoio e implicación.



Ademais, tivemos a sorte de contar coa visita do alumnado do IES Terra de Xallas, que acudiu ao noso centro para compartir con nós outro contacontos cheo de ilusión e entusiasmo. Moitas grazas tamén ás profesoras do IES pola súa implicación, colaboración e por facer posible este encontro tan especial entre centros.

Ao longo destes días realizamos tamén unha liña do tempo sobre Begoña Caamaño, na que cada aula traballou e explicou diferentes etapas da súa vida, permitindo coñecer mellor a súa traxectoria persoal e literaria dun xeito colaborativo e moi enriquecedor.



A celebración contou ademais coa participación das pandereteiras do noso cole, que nos agasallaron con varias pezas musicais cheas de tradición e sentimento. Para rematar, toda a comunidade cantou o Himno de Galicia, poñendo o broche final a unha xornada inesquecible de convivencia, cultura e orgullo pola nosa lingua.



Durante o acto fíxose tamén entrega do premio e diploma a Martina, gañadora do concurso de logo do centro. Parabéns polo seu gran traballo e creatividade!



Grazas a todas as persoas que participaron, ao equipo de EDLG e a todas as que fixeron posible unha celebración tan especial das nosas Letras Galegas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario