viernes, 20 de noviembre de 2026

🍂 Entre paellas, cantigas e tradicións… o Magosto sabe mellor!

O pasado venres, celebramos o Magosto dunha maneira moi especial, nunha xornada chea de tradición, música, gastronomía e, sobre todo, convivencia, coa participación das familias da nosa comunidade educativa.

A celebración comezou cunha deliciosa proposta gastronómica: o alumnado de 6º de Educación Primaria, guiado polo noso director, Juan, púxose mans á obra para elaborar dúas saborosas paellas de outono. Cabaza, figos e outros produtos propios desta estación foron os protagonistas destas creacións culinarias, nas que non faltaron as ganas de aprender, colaborar e gozar do traballo en equipo.

A continuación, chegou o momento da música. O alumnado interpretou a canción tradicional «Non chas quero», acompañado e guiado pola mestra de Música, Carmen. Unha fermosa maneira de manter vivas as nosas cancións e tradicións populares.

E, para rematar esta xornada tan especial, contamos coa actuación de Alberto, de Alborada, que puxo o broche de ouro á celebración, enchendo o noso centro de música e alegría.

Foi unha mañá marabillosa na que alumnado, profesorado e familias compartimos experiencias, sabores e tradicións, fortalecendo os lazos que nos unen como comunidade educativa.

No Biblio Mago Fuco seguimos aprendendo, compartindo e mantendo vivas as nosas tradicións. Porque as mellores aprendizaxes tamén se viven e se celebran en comunidade.

🍂🌰 Viva o Magosto!





No hay comentarios:

Publicar un comentario